A recesión ameaza con levarse as conquistas sociais e faltan alternativas serias da esquerda (Foto tomada prestada do muro de Juan Santiso) |
O caso é que chegou o momento e pasou o que tiña que pasar. Podemos matizar que, en realidade, o PP non subiu tanto como se auguraba e que, se a lei electoral non traicionase o espírito proporcionalista da Constitución, nin sequera tería maioría absoluta. Pero, en calquera caso, co reparto actualmente vixente ou cun reparto estrictamente proporcional, seguiría existindo unha maioría absoluta de dereitas na cámara. Non esquezamos, ademais, que unha das forzas de dereita, Convergéncia i Unió, ven de incrementar os seus votos nunhas eleccións xerais despois de comezar a recortar a sanidade pública. Agora anuncia novos e máis profundos recortes, enchido polo apoio electoral.
Tamén podemos dicir que, máis que gañar o PP, perdeu estrepitosamente o PSOE. Claro que a cousa se complica á hora de interpretar o afundimento socialista. Por facer política de dereitas? Entón non se entende por qué a suma dos votos socialistas e os de todas as opcións máis ou menos de esquerda apenas rebasa os dez millóns e queda máis dun millón de votos por debaixo dos que conseguíu o PSOE en solitario no 2008. (Por certo, o PP de agora, con toda a súa maioría absoluta, tamén quedou por debaixo dos once millóns longos de votos socialistas naquel ano).
Tampouco é que a abstención medrase especialmente. Con dous puntos máis que no 2008, e aínda que iso significou como medio millón de votantes menos, pódese pensar que foi menos do que se esperaba, tendo en conta os niveis de desprestixio do traballo dos políticos que reflexaban as enquisas e as mobilizacións de indignados. Claro que está tamén a especial aversión dos votantes ao Senado: supera en máis dun millón e medio ao Congreso no cómputo de abstención, votos nulos e votos en branco. Pero esa aversión está xustificada polo nivel de inutilidade que se lle atribúe á chamada "cámara alta". Nos dous grandes partidos, de vez en cando, hai quen propón unha reforma para que cumpra realmente o seu papel de cámara territorial, pero o certo é que ningún dos dous ten vontade real de cambialo. Prefiren mantelo como cemiterio de elefantes, para premiar fidelidades ou aparcar críticos (o Parlamento Europeo cumpre un papel similar), sen que importe demasiado que só serve para retrasar o traballo lexislativo.
En definitiva, que se mire por onde se mire, estas eleccións serviron para ratificar a gravidade da crise que ven arrastrando a esquerda en Europa desde hai tempo, polo menos desde a caída do muro de Berlín, por marcar un fito. O chamado "estado do benestar", a súa principal contribución ao desenvolvemento social da humanidade, comezou a resentirse desde aquel momento. E non faltaron complicidades socialdemócratas (a "terceira vía" de Blair, entre outras) na rebaixa das conquistas sociais. A presente recesión económica ameaza con levarse por diante todas esas conquistas, sen que haxa unha alternativa seria de esquerdas, axeitada ás novas circunstancias, e que poida aproveitar as enerxías postas en marcha pola mobilización espontánea da indignación cívica.
Se o desastre electoral serve para reconducir en profundidade o futuro da esquerda, benvido sexa o desastre electoral. Pero está por ver a capacidade dos actuais aparatos para facer algo máis que retoques de aparatos, uns, ou lecturas triunfalistas de sorpassos imposíbeis, outros. Claro que sempre pode valer o método Rajoy: esperar a que a crise económica queime tamén á dereita. E manter a rotación no manexo do timón neoliberal.
moi bon artigo pra o empezo deste prometedor blog.
ResponderEliminar