jueves, 10 de noviembre de 2016

Unha débeda con Camilo Nogueira

Débolle a Camilo Nogueira unha caixa (polo menos) de xemas de San Leandro, que non puido comprar cando nos vimos en Sevilla hai como vinte e cinco anos (estaban a construír a Expo do 92 e tampouco nos deixaron entrar a ver as obras, nin co meu carné de xornalista nin co seu de parlamentario galego), porque eu daquela aínda era un novato na cidade de María Santísima e, quizais porque non son nada larpeiro, non me tiña preocupado de saber cómo chegar ao convento no que elaboran os doces máis celebrados da gastronomía relixiosa sevillana, e que a Camilo lle tiñan recomendado. Fun un anfitrión desastroso, que atendía moi precariamente a un home que admiraba (e admiro).
Por suposto, esa caixa de xemas non podería pasar dunha moi modesta compensación simbólica polo que realmente lle debo (lle debemos) a Camilo e polo que se lle vai render homenaxe. Político íntegro, serio, intelixente e rigoroso. Desde a soidade de ser o único deputado de Esquerda Galega no primeiro Parlamento de Galicia, desenvolveu un traballo parlamentario de tal entidade que mesmo superaba o de grupos parlamentarios ben nutridos de deputados automáticos. E cando chegou ao Parlamento Europeo (cando eu puiden votalo directamente), na lista do BNG, foi como se entrase Galicia mesma: por primeira vez falouse alí en galego e alí levou os problemas da nosa terra e á propia xente que os padecía.

As limitadas posibilidades electorais do nacionalismo progresista –e as circunstancias nas que se administraron as efémeras ocasións que se tiveron– impediron que un político como Camilo Nogueira chegase a postos de goberno, desde os que desenvolver a súa enerxía creativa e executiva na construción dun futuro máis axeitado aos intereses e ás potencialidades de Galicia. Quizais os que poderían telo en conta foron tan torpes como eu de cicerone en Sevilla. Pero, desde o seu optimismo histórico, estou seguro de que dará por compensado o seu ostracismo coa seguridade de que, a pesar do estancamento que impoñen as forzas inmobilistas, algún día o espírito de Uxío Novoneyra irá do Caurel a Compostela por terra liberada, demostrando que a forza do amor e da intelixencia de Camilo Nogueira non pode ser inútil.  

PD. Os que tivesen lido este texto antes do 14 de novembro ás 20 horas, se volven lelo, botarán de menos unha referencia á condición de eurodeputado de Camilo Nogueira no ano en que nos vimos en Sevilla (que debeu de ser no 1991 ou no 1992). Repasando datas e referencias, advertín que naquel tempo Camilo aínda non era eurodeputado e que posibelmente mesturei encontros diversos en diversas datas. Correxín os erros, pero considerei xusto advertilo para non confundir aos lectores do primeiro texto.