miércoles, 4 de enero de 2012

Metáfora certeira

Foto de Xurxo Lobato, publicada en Man Común en marzo do 1981. Son os oradores dun acto unitario no Día da Patria Galega de  1977, na Carballeira de Santa Susana, en Compostela.


Longa noite de pedra é, sen dúbida, unha das metáforas máis certeiras para definir o periodo de opresión franquista. Hoxe cúmprense cen anos do nacemento do autor desa metáfora, título dun libro de poemas pubricado hai cincuenta anos. Celso Emilio Ferreiro e a súa obra Longa noite de pedra ocupan un lugar importante na historia da literatura galega, que, en moi boa parte, é tamén a historia xeral da Galiza rexurdida nesa auténtica reconstrucción de historias e identidades na que España anda envolta desde que as primeiras ideas democráticas empezaron a abrirse paso fronte as intransixencias e reticencias do antigo réxime.
A obra de Celso Emilio Ferreiro está inscrita nesa constante cívica característica da mellor literatura galega contemporánea, desde a gran Rosalía de Castro. A súa obra e tamén o seu comportamento persoal, sempre presidido por un compromiso progresista coa democracia e co pobo galego. Teremos tempo, ao longo deste ano, de relembrar as achegas do gran poeta celanovés na difícil tarefa de pór en marcha as liberdades en Galiza. Quede aquí agora o primeiro e imprescindíbel recordo.