martes, 22 de noviembre de 2011

Algo máis que un desastre electoral


A recesión ameaza con levarse as conquistas sociais e faltan alternativas serias da esquerda
(Foto tomada prestada do muro de Juan Santiso)
Non era cuestión de contar ata dez millóns oitocentas trinta mil seiscentas noventa e tres antes de reaccionar polos resultados electorais do 20-N, pero mellor deixar pasar corenta e oito horas para unha análise máis sosegada. En realidade, sabíamos o que ía pasar case desde que, hai ano e medio, Rodríguez Zapatero decidiu inmolarse polo ben do país, acosado pola especulación dos mercados (ou era directamente polo ben dos mercados?). Non tiña que sorprendernos, aínda que sempre houbese quen mantivese a esperanza de que as enquisas esaxeraban.
O caso é que chegou o momento e pasou o que tiña que pasar. Podemos matizar que, en realidade, o PP non subiu tanto como se auguraba e que, se a lei electoral non traicionase o espírito proporcionalista da Constitución, nin sequera tería maioría absoluta. Pero, en calquera caso, co reparto actualmente vixente ou cun reparto estrictamente proporcional, seguiría existindo unha maioría absoluta de dereitas na cámara. Non esquezamos, ademais, que unha das forzas de dereita, Convergéncia i Unió, ven de incrementar os seus votos nunhas eleccións xerais despois de comezar a recortar a sanidade pública. Agora anuncia novos e máis profundos recortes, enchido polo apoio electoral.
Tamén podemos dicir que, máis que gañar o PP, perdeu estrepitosamente o PSOE. Claro que a cousa se complica á hora de interpretar o afundimento socialista. Por facer política de dereitas? Entón non se entende por qué a suma dos votos socialistas e os de todas as opcións máis ou menos de esquerda apenas rebasa os dez millóns e queda máis dun millón de votos por debaixo dos que conseguíu o PSOE en solitario no 2008. (Por certo, o PP de agora, con toda a súa maioría absoluta, tamén quedou por debaixo dos once millóns longos de votos socialistas naquel ano).
Tampouco é que a abstención medrase especialmente. Con dous puntos máis que no 2008, e aínda que iso significou como medio millón de votantes menos, pódese pensar que foi menos do que se esperaba, tendo en conta os niveis de desprestixio do traballo dos políticos que reflexaban as enquisas e as mobilizacións de indignados. Claro que está tamén a especial aversión dos votantes ao Senado: supera en máis dun millón e medio ao Congreso no cómputo de abstención, votos nulos e votos en branco. Pero esa aversión está xustificada polo nivel de inutilidade que se lle atribúe á chamada "cámara alta". Nos dous grandes partidos, de vez en cando, hai quen propón unha reforma para que cumpra realmente o seu papel de cámara territorial, pero o certo é que ningún dos dous ten vontade real de cambialo. Prefiren mantelo como cemiterio de elefantes, para premiar fidelidades ou aparcar críticos (o Parlamento Europeo cumpre un papel similar), sen que importe demasiado que só serve para retrasar o traballo lexislativo.
En definitiva, que se mire por onde se mire, estas eleccións serviron para ratificar a gravidade da crise que ven arrastrando a esquerda en Europa desde hai tempo, polo menos desde a caída do muro de Berlín, por marcar un fito. O chamado "estado do benestar", a súa principal contribución ao desenvolvemento social da humanidade, comezou a resentirse desde aquel momento. E non faltaron complicidades socialdemócratas (a "terceira vía" de Blair, entre outras) na rebaixa das conquistas sociais. A presente recesión económica ameaza con levarse por diante todas esas conquistas, sen que haxa unha alternativa seria de esquerdas, axeitada ás novas circunstancias, e que poida aproveitar as enerxías postas en marcha pola mobilización espontánea da indignación cívica.
Se o desastre electoral serve para reconducir en profundidade o futuro da esquerda, benvido sexa o desastre electoral. Pero está por ver a capacidade dos actuais aparatos para facer algo máis que retoques de aparatos, uns, ou lecturas triunfalistas de sorpassos imposíbeis, outros. Claro que sempre pode valer o método Rajoy: esperar a que a crise económica queime tamén á dereita. E manter a rotación no manexo do timón neoliberal.

sábado, 19 de noviembre de 2011

Festa democrática con aires de funeral

Xornada de reflexión na véspera destas eleccións que El Roto, coa súa agudeza áceda, di que parecen funerais. Funerais pola democracia? Quizais sería esaxerado ou prematuro, aínda que a democracia está a quedar moi tocada nesta verbena especulativa que chamamos crise ou recesión.
Funerais, desde logo, pola esquerda impotente (ou incompetente?) que, nesta verbena, ven bailando ao son que lle marca o neoliberalismo triunfante, e que, cando estamos ao bordo do abismo, bota man da chantaxe emocional para convencer ao electorado progresista da inutilidade de votar por outras opcións de esquerda, se se quere frear o avance da dereita. Inutilidade á que contribuíu activamente co seu respaldo incondicional ás normas electorais que impiden a representación proporcional que establece a Constitución, sen advertir (soberbia de quen se sinte hexemónico) do necesario que pode ser contar coa presencia parlamentaria das diferentes sensibilidades da esquerda, para compensar os momentos de debilidade da opción predominante, polo desgaste do poder.
Funerais posíbeis por tantas conquistas sociais e de liberdades individuais cuxa continuidade está seriamente cuestionada, unhas pola voracidade depredadora dun capitalismo que vai volvendo á pureza explotadora das súas orixes, tras considerar superadas as presións revolucionarias, e outras pola intransixencia da nosa particular dereita, especialmente retrógrada en materia de "moral e costumes", como se dicía nos tempos do nacional-catolicismo.
Pero non hai que vestir de negro, por moito escurantismo que se nos veña enriba. A pesar de todas as tenebrosas perspectivas, mañán é un día de festa democrática, para aproveitar a oportunidade de mostrar as nosas preferencias, por moi inútil que parezan. Que luzan as diversidades de cores fronte aos nostálxicos de poderes absolutos.

lunes, 14 de noviembre de 2011

O dominio bipartidista

Despois de case corenta anos de partido único, as elites do sistema estaban tan obsesionadas no comezo da transición coa "sopa de letras" que fixeron todo o posíbel desde o primeiro momento, cando as primeiras eleccións preconstitucionais, para cortar o paso ás minorías. E aquelas primeiras normas electorais, que primaban a representación das provincias menos poboadas (as da España "profunda", as máis conservadoras) en detrimento das máis poboadas (as da España máis urbana e máis progresista), seguen a estar vixentes, mesmo reforzadas na súa blindaxe contra todo intento de corrixir a deriva bipartidista.
A Constitución de 1978 sacralizou a provincia como circunscripción fundamental nas eleccións xerais e nas autonómicas. Tamén estableceu o sistema proporcional no reparto de escanos entre as candidaturas. A provincia e a proporcionalidade resultaron incompatíbeis tal e como se desenvolveu a normativa electoral, sobre todo a partir da adxudicación dun mínimo de dous deputados por provincia antes de distribuir o resto en proporción á poboación. Nas provincias con menos de dez deputados (que son 45) a proporcionalidade practicamente non existe: os dous grandes partidos repártense (con algunha inclusión de partidos nacionalistas fortes nalgunha delas) os escanos desas provincias, que suman 224 do total de 350.
Esa distorsión estructural inicial foi reforzándose coas limitacións no acceso aos medios informativos públicos. Tras as primeiras eleccións, os espazos de publicidade gratuita nas radios e televisións públicas distribuíronse de xeito proporcional aos resultados das eleccións anteriores. Poñíase en marcha un mecanismo de privilexiar cada vez máis ás forzas maioritarias (practicamente só dúas a partir de 1982, tras o afundimento de UCD), que acadou a súa culminación nos anos noventa, cando, coa bendición da Xunta Electoral Central, trasladouse tamén ese mesmo criterio de proporcionalidade estricta segundo os resultados electorais anteriores á información nos medios públicos. Xa non hai información electoral nas radios e televisión públicos: só unha sucesión de mensaxes propagandísticos, sen contraste nin interpretación xornalística no seu contexto, con escasa presencia das minorías e sen referencia ás forzas políticas que se presentan por primeira vez, por moi sensatas, orixinais, audaces ou espectaculares que resulten as súas propostas (é dicir por moito interés xornalístico que poidesen ter).
As forzas minoritarias van desgastándose tras sucesivas recolleitas de votos inútiles que quedan sen representación parlamentaria, como consecuencia do reparto tramposo que concede ás dúas grandes forzas estatais unha sobrerepresentación claramente discriminatoria. E, por suposto, está por ver que unha forza de nova creación poida chegar sequera a formar un modesto grupo parlamentario.
Hai moitas maneiras de corrixir ese déficit de representación democrática que padecemos, desde a de suprimir a circunscrìpción provincial, para acadar unha proporcionalidade real, á de aumentar o número de deputados ata os 400 que permite a Constitución para completar un reparto de restos, ao xeito alemán, que compense as desviacións de proporcionalidade nos 350 escanos actuais. Pero, nestes momentos, é un debate inútil.
Con independencia da necesidade de reformas constitucionais nalgún deses casos, as posibilidades de modificar esas normas son practicamente nulas, porque os únicos que poderían cambialas son os partidos que están a beneficiarse da situación actual. E quedou clara a súa receptividade sobre esta cuestión hai uns meses, cando endureceron as condicións para a participación electoral de novas forzas políticas, mentres os "indignados" levaban a rúa o debate sobre a necesidade dunha nova lei electoral coa intención de sanear a representación parlamentaria, distorsionada polo duopolio político e polo triunfo europeo das teses máis favorábeis ao poder financeiro.

viernes, 4 de noviembre de 2011

Entre as sombras da atardecida

Entre as negras previsións de supervivencia vital no planeta e as non menos negras previsións inmediatas, nese magma confuso da crise económica e a confrontación política, aumentan as posibilidades de nubrado permanente. Pero, mentres o sol non se esconda, conservemos o alento para manter o lume da denuncia, da liberdade e da dignidade. Nos seus versos de Bastabales, Rosalía de Castro -que descansaba nunha pedriña "en tanto o sol non se esconde"- morría de soidade naquela Galiza á que tantos dicían adeus.
Estreo este experimento blogueiro no medio do gran espectáculo da democracia que é (ou que máis ben debería ser) unha campaña electoral, nesta ocasión baixo o signo da fatalidade catastrofista que intenta obrigarnos a escoller entre o malo e o peor. 
Non teño máis pretensión que a de participar no intercambio de opinións e de informacións que se poden cruzar neste espacio de comunicación na rede virtual, que tamén debemos defender, antes de que as multinacionais da manipulación entren a saco a controlala.
Por entre as sombras da atardecida, entre as árbores e o mar (dous sinais da identidade natural da nosa terra), aínda queda luz dabondo para avistar pontes e camiños polos que circule a solidariedade. Nesas estamos, compañeiros.

Na Illa de San Simón, coa Ponte da Rande ao fondo, o 8 de setembro de 2011