Xosé A. Gaciño
Téñennos entretidos coa polémica sobre a imposíbel
independencia de Cataluña, mentres Rajoy conta unha de fadas a propósito do
último cumio da UE, inmediatamente frustrante (o de xuño, polo menos, mantivo
certas expectativas moderadamente esperanzadoras durante os meses de verán: en
canto regresaron de vacacións, xa se encargaron os gobernantes alemáns de
frustralo). Resulta curioso, por certo, que un dos aspectos da polémica sexa a
posibilidade de que unha Cataluña presuntamente independente poida seguir
integrada na Unión Europea. Á vista do proceso de conxelación que vai avanzando
de cumio en cumio, non sería desatinado pensar que, ao remate das elucubracións
sobre o estado catalán, sexa a propia UE a que estea en perigo de
desintegración e sexa preferíbel saír dunha Unión Europea atascada nun canellón
sen saída.
Resulta patético contemplar a escalada de bravatas,
insultos, descualificacións e ameazas que se está a producir, desde unha parte
e desde a outra, en torno a unha mera hipóteses que nin sequera está realmente
deseñada. Que, de momento, non pasa de ser carnaza electoral, aproveitando o
éxito dunha manifestación cidadá, ou, en todo caso, unha iniciativa
voluntarista, convencidos todos de que, tal e como está a lexislación vixente e
o partido que conta con maioría absoluta nas Cortes Xerais, non hai ningunha
posibilidade de que tal iniciativa prospere.
Confiemos en que toda esta histeria polo menos se modere despois
das eleccións autonómicas catalás, unha vez que o voto popular concrete as
posicións de forza de cadaquén, a partir das cales abrir as necesarias canles
de diálogo. Pero xa se sabe que, ás veces, non resulta fácil controlar esta
sorte de movementos: os aprendices de bruxo vense desbordados polos seus xogos
populistas, entre sentimentais e interesados, e as marxes de diálogo –xa moi
limitadas nesta cuestión– desvanécense.
En calquera caso, sexan cales sexan os resultados
electorais e sen entrar no nivel de prioridade que debería ter este asunto nos
actuais momentos de crise, a tensión creada polas reivindicacións máis ou menos
independentistas (algúns dos protagonistas eluden o propio termo de
“independencia”) reflicte un certo fracaso no deseño dun Estado das autonomías
que, no seu momento, se presentaba como a solución case perfecta a un problema
histórico, froito do centralismo importado polos Borbóns, enquistado nos longos
períodos de caciquismos e ditaduras dos séculos XIX e XX, e que só se tratou de
canalizar nos momentos de réximes democráticos (nas dúas repúblicas e no
actual, o máis prolongado no tempo). Parece que bastan unha simple
manifestación (por moi concorrida que fose) e unha proposta oportunista dun
goberno afogado pola crise para que o moi constitucional Estado das Autonomías sexa
posto en cuestión polos mesmos que non admiten reformas constitucionais, salvo
as que garanten a prioridade dos bancos para cobrar a débeda pública.
Entre polémicas e demagoxias, empezan a saír do armario
centralistas de corazón que, ate agora, exerceran de autonomistas de
conveniencia. É a outra cara do striptease político dos que levaban con
discreción o seu obxectivo independentista, exercendo o autonomismo co mesmo
sentido de conveniencia que os outros.
Soa menos romántico, pero quizais fose mellor deixar o
corazón no armario e colocar en primeiro termo as conveniencias, mesmo se fai
falta reformar a Constitución (que xa vai sendo hora).
No hay comentarios:
Publicar un comentario