miércoles, 21 de noviembre de 2012

Alonso Montero, fillo predilecto da resistencia


Gardo a imaxe de Xesús Alonso Montero dunha noite de xullo de 1975. Nun mesón de Madrid, rematado o xuízo dos 23 de Ferrol (o dos mortos na Ponte das Pías en marzo do 72, xuízo contra ás vítimas, cos culpábeis como acusadores), intentabamos darnos ánimo nunha sorte de cea de solidariedade, co pensamento posto nos que non podían compartir mesa porque agardaban a sentenza no cárcere (Pillado, Aneiros, Amor Deus, Bonhome...) . Na euforia da emoción e coa complicidade implícita do mesoneiro, entoábamos alalás de resistencia, versos malditos do clandestino Arístides Silveira, sentado entre nós como o auténtico Celso Emilio Ferreiro. A voz máis cantante, por suposto, era a brillante e vibrante voz de Xesús Alonso Montero. Era o último verán con Franco vivo, pero naqueles momentos non o sabíamos e actuabamos como roubando uns instantes de liberdade improvisada, conscientes de que, cando rematáramos de cear e de cantar, e nos disolvéramos discretamente, volveríamos camiñar na longa noite de pedra.

Hai cinco anos, trinta e dous despois da morte do ditador, cando o xornalista Daniel Salgado  lle preguntaba se rematara a Transición, Alonso Montero contestaba coa retranca galega máis revolucionaria: “Empezou?”.  A pregunta, a dúbida, pode ter aínda máis sentido nestes días, nos que vemos cómo algúns “reconquistadores” do sistema, aproveitando a crise á que eles mesmos contribuíron, empezan a liquidar o que sempre consideraron concesións excesivas e innecesarias. Preguntas e dúbidas –como as que expresou hai case corenta anos sobre as posibilidades de supervivencia do idioma galego, tan sectariamente criticadas– que non desaniman a este esforzado resistente. Todo o contrario. Nunca deixou de loitar, na busca da liberdade e da xustiza, na defensa da lingua e da dignidade do seu pobo, por moitas dúbidas e obstáculos que dificultasen esa loita. Como dixo tamén na xa citada entrevista, cada vez cre máis no comunismo, porque está convencido de que o capitalismo vai destruír o mundo (outra cousa, penso eu, é que se poida chegar a tempo de impedilo, pero que non sexa porque non se intentara).

E agora que vai ser elevado á condición de fillo adoptivo do pobo da súa infancia –Ventosela, municipio de Ribadavia– non podo por menos que sumarme á merecida homenaxe a este home dunha peza, íntegro e consecuente na defensa de principios que buscan universalizar a dignidade da condición humana en paz, xustiza e liberdade. Desde o recordo daqueles anos nos que puiden apreciar a súa firmeza de espírito, saúdo a Xesús Alonso Montero, todo un mozo entusiasta aos seus oitenta e tres anos, como fillo predilecto da resistencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario