miércoles, 21 de noviembre de 2012

Alonso Montero, fillo predilecto da resistencia


Gardo a imaxe de Xesús Alonso Montero dunha noite de xullo de 1975. Nun mesón de Madrid, rematado o xuízo dos 23 de Ferrol (o dos mortos na Ponte das Pías en marzo do 72, xuízo contra ás vítimas, cos culpábeis como acusadores), intentabamos darnos ánimo nunha sorte de cea de solidariedade, co pensamento posto nos que non podían compartir mesa porque agardaban a sentenza no cárcere (Pillado, Aneiros, Amor Deus, Bonhome...) . Na euforia da emoción e coa complicidade implícita do mesoneiro, entoábamos alalás de resistencia, versos malditos do clandestino Arístides Silveira, sentado entre nós como o auténtico Celso Emilio Ferreiro. A voz máis cantante, por suposto, era a brillante e vibrante voz de Xesús Alonso Montero. Era o último verán con Franco vivo, pero naqueles momentos non o sabíamos e actuabamos como roubando uns instantes de liberdade improvisada, conscientes de que, cando rematáramos de cear e de cantar, e nos disolvéramos discretamente, volveríamos camiñar na longa noite de pedra.

Hai cinco anos, trinta e dous despois da morte do ditador, cando o xornalista Daniel Salgado  lle preguntaba se rematara a Transición, Alonso Montero contestaba coa retranca galega máis revolucionaria: “Empezou?”.  A pregunta, a dúbida, pode ter aínda máis sentido nestes días, nos que vemos cómo algúns “reconquistadores” do sistema, aproveitando a crise á que eles mesmos contribuíron, empezan a liquidar o que sempre consideraron concesións excesivas e innecesarias. Preguntas e dúbidas –como as que expresou hai case corenta anos sobre as posibilidades de supervivencia do idioma galego, tan sectariamente criticadas– que non desaniman a este esforzado resistente. Todo o contrario. Nunca deixou de loitar, na busca da liberdade e da xustiza, na defensa da lingua e da dignidade do seu pobo, por moitas dúbidas e obstáculos que dificultasen esa loita. Como dixo tamén na xa citada entrevista, cada vez cre máis no comunismo, porque está convencido de que o capitalismo vai destruír o mundo (outra cousa, penso eu, é que se poida chegar a tempo de impedilo, pero que non sexa porque non se intentara).

E agora que vai ser elevado á condición de fillo adoptivo do pobo da súa infancia –Ventosela, municipio de Ribadavia– non podo por menos que sumarme á merecida homenaxe a este home dunha peza, íntegro e consecuente na defensa de principios que buscan universalizar a dignidade da condición humana en paz, xustiza e liberdade. Desde o recordo daqueles anos nos que puiden apreciar a súa firmeza de espírito, saúdo a Xesús Alonso Montero, todo un mozo entusiasta aos seus oitenta e tres anos, como fillo predilecto da resistencia.

sábado, 3 de noviembre de 2012

Entre Catulo e a liberdade


http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/catulo-liberdade/idEdicion-2012-11-03/idNoticia-774645/

Volta ás esencias centrais


http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/volta-as-esencias-centrais/idEdicion-2012-10-27/idNoticia-773596/

Entretidos coa independencia


Xosé A. Gaciño

Téñennos entretidos coa polémica sobre a imposíbel independencia de Cataluña, mentres Rajoy conta unha de fadas a propósito do último cumio da UE, inmediatamente frustrante (o de xuño, polo menos, mantivo certas expectativas moderadamente esperanzadoras durante os meses de verán: en canto regresaron de vacacións, xa se encargaron os gobernantes alemáns de frustralo). Resulta curioso, por certo, que un dos aspectos da polémica sexa a posibilidade de que unha Cataluña presuntamente independente poida seguir integrada na Unión Europea. Á vista do proceso de conxelación que vai avanzando de cumio en cumio, non sería desatinado pensar que, ao remate das elucubracións sobre o estado catalán, sexa a propia UE a que estea en perigo de desintegración e sexa preferíbel saír dunha Unión Europea atascada nun canellón sen saída.

Resulta patético contemplar a escalada de bravatas, insultos, descualificacións e ameazas que se está a producir, desde unha parte e desde a outra, en torno a unha mera hipóteses que nin sequera está realmente deseñada. Que, de momento, non pasa de ser carnaza electoral, aproveitando o éxito dunha manifestación cidadá, ou, en todo caso, unha iniciativa voluntarista, convencidos todos de que, tal e como está a lexislación vixente e o partido que conta con maioría absoluta nas Cortes Xerais, non hai ningunha posibilidade de que tal iniciativa prospere.

Confiemos en que toda esta histeria polo menos se modere despois das eleccións autonómicas catalás, unha vez que o voto popular concrete as posicións de forza de cadaquén, a partir das cales abrir as necesarias canles de diálogo. Pero xa se sabe que, ás veces, non resulta fácil controlar esta sorte de movementos: os aprendices de bruxo vense desbordados polos seus xogos populistas, entre sentimentais e interesados, e as marxes de diálogo –xa moi limitadas nesta cuestión– desvanécense.

En calquera caso, sexan cales sexan os resultados electorais e sen entrar no nivel de prioridade que debería ter este asunto nos actuais momentos de crise, a tensión creada polas reivindicacións máis ou menos independentistas (algúns dos protagonistas eluden o propio termo de “independencia”) reflicte un certo fracaso no deseño dun Estado das autonomías que, no seu momento, se presentaba como a solución case perfecta a un problema histórico, froito do centralismo importado polos Borbóns, enquistado nos longos períodos de caciquismos e ditaduras dos séculos XIX e XX, e que só se tratou de canalizar nos momentos de réximes democráticos (nas dúas repúblicas e no actual, o máis prolongado no tempo). Parece que bastan unha simple manifestación (por moi concorrida que fose) e unha proposta oportunista dun goberno afogado pola crise para que o moi constitucional Estado das Autonomías sexa posto en cuestión polos mesmos que non admiten reformas constitucionais, salvo as que garanten a prioridade dos bancos para cobrar a débeda pública.

Entre polémicas e demagoxias, empezan a saír do armario centralistas de corazón que, ate agora, exerceran de autonomistas de conveniencia. É a outra cara do striptease político dos que levaban con discreción o seu obxectivo independentista, exercendo o autonomismo co mesmo sentido de conveniencia que os outros.

Soa menos romántico, pero quizais fose mellor deixar o corazón no armario e colocar en primeiro termo as conveniencias, mesmo se fai falta reformar a Constitución (que xa vai sendo hora).

 

A esquerda no deserto


http://contraposicion.blogspot.com.es/2012/10/a-esquerda-no-deserto-xose-gacino.html