Relata os pormenores do ascenso e a decadencia dunha empresa familiar que chegara ser unha das grandes industrias de Galicia, nunha sorte de Buddenbrooks á galega (con permiso do exhaustivo Thomas Mann), e entra a saco na sórdida historia da gran operación especulativa que seguiu á súa liquidación e que foi freada pola mobilización cidadá en defensa das leis que os especuladores trataron de saltarse (e pode que volvan intentalo). O xornalista Primitivo Carbajo -zamorano criado profesionalmente en Galicia-, no seu libro Salgheiron (así, na denominación popular con gheada), recolle, como nunha gran e profunda reportaxe de ritmo trepidante e preciso, a historia dos Massó en Galicia, desde o primeiro que chegou no 1816, Salvador Massó Palau, para sumarse aos emprendedores cataláns que desde mediados do século XVIII se dedicaban ao negocio da salgadura, até os últimos bisnetos e tataranetos, co correspondente complemento de cuñadas, cuñados, noras e xenros, que remataron liquidando a gran empresa familiar.
A maior factoría de Europa
Gran Casino da
Sardiña foi o alcume que recibiu a gran factoría que a conserveira Massó
levantou en Cangas do Morrazo, en O Salgueirón. Deseñada antes da guerra civil,
iniciada a súa construción no 1937 e inaugurada no 1941, era a maior factoría
conserveira de Europa e unha das máis grandes do mundo, dotada da tecnoloxía
máis avanzada.
Comezaba a etapa
de maior prosperidade do imperio conserveiro cangués, que chegou ter a súa
propia frota pesqueira e fábricas conserveiras fora de Galicia, ademais de
entrar no negocio das factorías baleeiras. Era a terceira xeración da familia,
que levaba ao seu cumio unha actividade
industrial conserveira iniciada no 1880. A costa abaixo empezou nos anos
sesenta do século pasado coa ampliación das augas xurisdicionais a duascentas
millas (que obrigou a reducir a frota pesqueira propia), agravouse nos setenta
coa crise do petróleo e rematou nos oitenta coa moratoria internacional da caza
de baleas.
A cuarta xeración non puido, ou máis ben non quixo, facer fronte a estes problemas. Prevaleceron os conservadores, que rexeitaron todas as propostas de medidas para adaptarse aos novos tempos, as últimas as que intentou un grupo de accionistas da quinta xeración. Afogada pola suma de perdas e débedas, a gran conserveira morreu co século no que vivira o seu máximo esplendor.
Tempo de especulación
Abríase entón un
novo capítulo: a liquidación de terreos e edificios (co gran complexo
industrial do Salgueirón como xoia da coroa) con vistas á especulación inmobiliaria
e turística (centros comerciais, hoteis, zonas residenciais de luxo, porto
deportivo). Posibelmente o que desexaba a maioría dos fillos, xenros, irmáns,
cuñados, curmáns... (polo menos os da cuarta xeración) que conformaban o
accionariado familiar. Chegaba a marbellización de Cangas, Cangaspoly,
como se dicía en comentarios irónicos, co seu baile de ventas de terreos
(incluídos os que non se podían vender porque eran concesións en zoas de
dominio público), convenios urbanísticos que se adiantaban ao plan xeral de
urbanismo pendente de redactar, proxectos megalómanos coa firma de Norman
Foster pero sen a cobertura legal necesaria e sen ter en conta as limitacións das
zoas marítimo-terrestre de dominio público, adxudicacións de portos deportivos
que ían pór en perigo toda a ría de Vigo...
A gran ofensiva especuladora, que contou coa complicidade, por acción ou por omisión, de autoridades de todos os niveis (central, autonómico, local) e de case todas as cores políticas (máis da dereita, pero tamén da esquerda), atopouse en fronte coa mobilización cidadá, artellada no Foro Social pola Defensa do Pobo, constituído en xullo do 2004, cando o Concello de Cangas aproba o convenio urbanístico que contemplaba o gran complexo turístico de O Salgueirón, en paralelo coa concesión dun porto deportivo outorgada pola Autoridade Portuaria de Vigo. No Foro Social conflúen asociacións de veciños, entidades culturais, grupos ecoloxistas, comunidades de montes, a confraría de pescadores e profesionais varios (xuristas, arquitectos e urbanistas principalmente).
Tempo de mobilización
Foi a
mobilización cidadá a que frustrou uns proxectos que necesitaban rapidez na
execución, para xogar con feitos consumados fronte ás fraxilidades xurídicas
das súas autorizacións. Desde o primeiro momento, piquetes de veciños impediron
o paso de camións por terra e a chegada de barcos por mar con maquinaria e
materiais para a obra, aguantando ameazas dos contratistas, represión policial,
multas e denuncias (en só cinco meses celebráronse 29 xuízos de faltas contra
43 acusados). Paralelamente, presentaron recursos e máis recursos contra os
promotores e contra as resolucións administrativas que non respectaban as
esixencias da lexislación (central ou autonómica) en materia de medio ambiente,
ordenación urbanística e zoas marítimo-terrestre de dominio público.
Particularmente flagrante era a concesión do porto deportivo, que a Autoridade
Portuaria de Vigo outorgou ignorando un contundente informe negativo da
Consellería de Pesca, informe preceptivo e vinculante. Concedido no 2004, foi
asumido polos sucesivos presidentes da APV, incluído o que despois sería o
alcalde das luces.
Rexeitados a maior parte dos recursos nas instancias xudiciais de Galicia, incluído o Tribunal Superior, que desestimou no 2009 o recurso da Confraría de Pescadores contra o porto deportivo, houbo que esperar ate abril do 2013, en que unha sentenza do Tribunal Supremo anulou a concesión dese porto deportivo, elemento clave de toda a operación. Nove anos de mobilización cidadá, de tensións, denuncias e recursos, para conseguir que as autoridades competentes (?) cumprisen coa lei.
Final aberto
A historia que
conta Primitivo Carbajo no seu libro -que ben merecería unha boa serie
televisiva, ao estilo de Fariña- ten aínda o final aberto. Cando, tamén
no 2013, o Novagalicia Banco, en trance de liquidación, transfire ao Sareb
5.000 millóns en activos tóxicos, a finca de O Salgueirón pasa á propiedade de
Abanca, como un ben nada tóxico. No proxecto do plan xeral de urbanismo de
Cangas -por fin redactado e agora sometido a exposición pública-, contémplase a
construción de unhas 650 vivendas, parece que saltando por enriba de medidas
proteccionistas como o Plan de Ordenación do Litoral. Na campaña das eleccións
locais do 2019, ningunha candidatura volvera falar do Salgueirón, da súa
declaración como Patrimonio Industrial, para converter o vello Gran Casino da
Sardiña no eixo do gran parque público que necesitaba Cangas. Tampouco despois
das eleccións, como á espera de que o dono da cousa, Abanca, se pronuncie.
Primitivo Carbajo, no 2011, na casa onde vivía entón en Vigo.. Ao fondo, a ría.
-----------------------
Salgheirón. Primitivo Carbajo. Morgante Edicións. Cangas do Morrazo, 2021.
No hay comentarios:
Publicar un comentario