miércoles, 17 de noviembre de 2021

Salgheirón: memoria dun imperio industrial conserveiro que derivou en chapuza especulativa



 




Relata os pormenores do ascenso e a decadencia dunha empresa familiar que chegara ser unha das grandes industrias de Galicia, nunha sorte de Buddenbrooks á galega (con permiso do exhaustivo Thomas Mann), e entra a saco na sórdida historia da gran operación especulativa que seguiu á súa liquidación e que foi freada pola mobilización cidadá en defensa das leis que os especuladores trataron de saltarse (e pode que volvan intentalo). O xornalista Primitivo Carbajo -zamorano criado profesionalmente en Galicia-, no seu libro Salgheiron (así, na denominación popular con gheada), recolle, como nunha gran e profunda reportaxe de ritmo trepidante e preciso, a historia dos Massó en Galicia, desde o primeiro que chegou no 1816, Salvador Massó Palau, para sumarse aos emprendedores cataláns que desde mediados do século XVIII se dedicaban ao negocio da salgadura, até os últimos bisnetos e tataranetos, co correspondente complemento de cuñadas, cuñados, noras e xenros, que remataron liquidando a gran empresa familiar.

A maior factoría de Europa

Gran Casino da Sardiña foi o alcume que recibiu a gran factoría que a conserveira Massó levantou en Cangas do Morrazo, en O Salgueirón. Deseñada antes da guerra civil, iniciada a súa construción no 1937 e inaugurada no 1941, era a maior factoría conserveira de Europa e unha das máis grandes do mundo, dotada da tecnoloxía máis avanzada.

Comezaba a etapa de maior prosperidade do imperio conserveiro cangués, que chegou ter a súa propia frota pesqueira e fábricas conserveiras fora de Galicia, ademais de entrar no negocio das factorías baleeiras. Era a terceira xeración da familia, que levaba ao seu  cumio unha actividade industrial conserveira iniciada no 1880. A costa abaixo empezou nos anos sesenta do século pasado coa ampliación das augas xurisdicionais a duascentas millas (que obrigou a reducir a frota pesqueira propia), agravouse nos setenta coa crise do petróleo e rematou nos oitenta coa moratoria internacional da caza de baleas.

A cuarta xeración non puido, ou máis ben non quixo, facer fronte a estes problemas. Prevaleceron os conservadores, que rexeitaron todas as propostas de medidas para adaptarse aos novos tempos, as últimas as que intentou un grupo de accionistas da quinta xeración. Afogada pola suma de perdas e débedas, a gran conserveira morreu co século no que vivira o seu máximo esplendor.

Tempo de especulación

Abríase entón un novo capítulo: a liquidación de terreos e edificios (co gran complexo industrial do Salgueirón como xoia da coroa) con vistas á especulación inmobiliaria e turística (centros comerciais, hoteis, zonas residenciais de luxo, porto deportivo). Posibelmente o que desexaba a maioría dos fillos, xenros, irmáns, cuñados, curmáns... (polo menos os da cuarta xeración) que conformaban o accionariado familiar. Chegaba a marbellización de Cangas, Cangaspoly, como se dicía en comentarios irónicos, co seu baile de ventas de terreos (incluídos os que non se podían vender porque eran concesións en zoas de dominio público), convenios urbanísticos que se adiantaban ao plan xeral de urbanismo pendente de redactar, proxectos megalómanos coa firma de Norman Foster pero sen a cobertura legal necesaria e sen ter en conta as limitacións das zoas marítimo-terrestre de dominio público, adxudicacións de portos deportivos que ían pór en perigo toda a ría de Vigo...

A gran ofensiva especuladora, que contou coa complicidade, por acción ou por omisión, de autoridades de todos os niveis (central, autonómico, local) e de case todas as cores políticas (máis da dereita, pero tamén da esquerda), atopouse en fronte coa mobilización cidadá, artellada no Foro Social pola Defensa do Pobo, constituído en xullo do 2004, cando o Concello de Cangas aproba o convenio urbanístico que contemplaba o gran complexo turístico de O Salgueirón, en paralelo coa concesión dun porto deportivo outorgada pola Autoridade Portuaria de Vigo. No Foro Social conflúen asociacións de veciños, entidades culturais, grupos ecoloxistas, comunidades de montes, a confraría de pescadores e profesionais varios (xuristas, arquitectos e urbanistas principalmente).

Tempo de mobilización

Foi a mobilización cidadá a que frustrou uns proxectos que necesitaban rapidez na execución, para xogar con feitos consumados fronte ás fraxilidades xurídicas das súas autorizacións. Desde o primeiro momento, piquetes de veciños impediron o paso de camións por terra e a chegada de barcos por mar con maquinaria e materiais para a obra, aguantando ameazas dos contratistas, represión policial, multas e denuncias (en só cinco meses celebráronse 29 xuízos de faltas contra 43 acusados). Paralelamente, presentaron recursos e máis recursos contra os promotores e contra as resolucións administrativas que non respectaban as esixencias da lexislación (central ou autonómica) en materia de medio ambiente, ordenación urbanística e zoas marítimo-terrestre de dominio público. Particularmente flagrante era a concesión do porto deportivo, que a Autoridade Portuaria de Vigo outorgou ignorando un contundente informe negativo da Consellería de Pesca, informe preceptivo e vinculante. Concedido no 2004, foi asumido polos sucesivos presidentes da APV, incluído o que despois sería o alcalde das luces.

Rexeitados a maior parte dos recursos nas instancias xudiciais de Galicia, incluído o Tribunal Superior, que desestimou no 2009 o recurso da Confraría de Pescadores contra o porto deportivo, houbo que esperar ate abril do 2013, en que unha sentenza do Tribunal Supremo anulou a concesión dese porto deportivo, elemento clave de toda a operación. Nove anos de mobilización cidadá, de tensións, denuncias e recursos, para conseguir que as autoridades competentes (?) cumprisen coa lei.

Final aberto

A historia que conta Primitivo Carbajo no seu libro -que ben merecería unha boa serie televisiva, ao estilo de Fariña- ten aínda o final aberto. Cando, tamén no 2013, o Novagalicia Banco, en trance de liquidación, transfire ao Sareb 5.000 millóns en activos tóxicos, a finca de O Salgueirón pasa á propiedade de Abanca, como un ben nada tóxico. No proxecto do plan xeral de urbanismo de Cangas -por fin redactado e agora sometido a exposición pública-, contémplase a construción de unhas 650 vivendas, parece que saltando por enriba de medidas proteccionistas como o Plan de Ordenación do Litoral. Na campaña das eleccións locais do 2019, ningunha candidatura volvera falar do Salgueirón, da súa declaración como Patrimonio Industrial, para converter o vello Gran Casino da Sardiña no eixo do gran parque público que necesitaba Cangas. Tampouco despois das eleccións, como á espera de que o dono da cousa, Abanca, se pronuncie.

 

Primitivo Carbajo, no 2011, na casa onde vivía entón en Vigo.. Ao fondo, a ría.

O silencio parece afectar nestes momentos mesmo aos activistas que conseguiron frustrar o gran pelotazo. Quizais porque non está claro que se frustrase toda a operación e xa non quedan alentos para seguir loitando. Salvouse, sí, a ría de Vigo da agresión dos recheos dun porto deportivo que ía aniquilar á súa riqueza pesqueira e marisqueira e á súa biodiversidade, pero a posíbel agresión especuladora á zoa terrestre, aínda é unha ameaza. “Nada evitou que a Finca Massó se ofreza hoxe como espazo dun crime. Dun crime múltiple: cultural, económico, de alleamento e abandono que, emporiso, non esgotou os seus latexos. Aínda segue sendo un crime en grao de tentativa”, escribe Carbajo no seu libro, que, a pesar de todo, remata cunha frase que trata de ser optimista: “É un silencio que grita, escoitarase máis adiante, cos ventos recios que han volver”.

-----------------------

Salgheirón. Primitivo Carbajo. Morgante Edicións. Cangas do Morrazo, 2021.