viernes, 15 de enero de 2016

Malos tempos para a audacia

Algúns dos pasos que se están a dar nos intentos por artellar alianzas políticas teñen case os mesmos rasgos surrealistas que este patio do Museo Dalí, en Figueres, aínda que moitísimo menos arte. (Foto tomada o 31 de marzo de 2012)
Da mesma maneira que os independentistas cataláns salvaron no último minuto a investidura dun novo presidente da Generalitat, evitando unhas eleccións anticipadas que posibelmente non lles favorecería, non hai que descartar ningunha hipótese na resolución do sudoku parlamentario que debe superar o Congreso dos Deputados para investir presidente do goberno español. Sobran liñas vermellas nos pasos iniciais e falta audacia nas propostas. De momento, os indicios parecen apuntar cara ao entendemento entre as vellas forzas, incluídas algunhas das independentistas catalás, ás que o PSOE presta axuda no Senado para constituír grupos parlamentarios, e tanto o PP como o PSOE van admitir como grupos no Congreso, aínda que non cumpran todos os requisitos que sí se lle esixen escrupulosamente aos grupos galego, catalán e valenciano que formaron candidaturas de coalición con Podemos e Esquerda Unida. A tese do "cordón sanitario" en torno ao que algúns consideran esquerda radical vai tomando corpo, mentres segue a ser unha incógnita cómo vai compaxinar Pedro Sánchez todos eses acordos -que hai que sumar ao primeiro e máis importante: a presidencia da Cámara co apoio explícito de Cidadáns e implícito do PP- coa súa repetida negativa a facilitar o goberno ao PP e o seu insistente anuncia de que, se falla o PP, intentará configurar unha coalición progresista (a menos que o que realmente anuncie sexa que o PP non vai fallar na formación dun goberno conservador). Neste contexto de aprendizaxe da cultura do pacto, inscríbese este meu artigo sobre audacias e temeridades en Galicia Hoxe: http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/malos-tempos-audacia-xose-gacino/idEdicion-2016-01-13/idNoticia-974215/

No hay comentarios:

Publicar un comentario