Xa estamos máis ou menos resignados a que a saída da
crise, polo menos a que se está intentando na Unión Europea, consiste en volver
á mesma situación que a provocou, sen máis retoques que diminuír o máximo o
gasto público e os salarios dos traballadores, o que supón unha dura travesía
do deserto que ninguén sabe cándo vai rematar. Estamos resignados, claro,
porque, se vote a quen se vote (e os gregos terán ocasión de comprobalo despois
da próxima repetición dos seus comicios), parece que non vai haber maneira de
facer saltar a táctica defensiva do equipo gobernante alemán (que, seguindo co
símil futbolístico, debe de pensar que, despois de todo, na última Champions
League se impuxo o xogo destrutivo do Chelsea fronte ao xogo creativo do
Bayern, e despois de eliminar previamente ao máis creativo de todos, o
Barcelona).
En España, onde a crise xeral destapou unha crise
particular que trataban de disimular os banqueiros e os gobernantes, parece que
tamén imos ter que resignarnos a tropezar na mesma pedra, ou, para ser máis
exacto, no mesmo ladrillo. Xa empezara o ministro de Agricultura e Medio
Ambiente, anunciando, na súa primeira comparecencia parlamentaria para expoñer
as liñas principais da súa xestión, unha reforma da lei de costas nun sentido
máis permisivo. Continúa agora o Ministerio de Fomento co estudio dunha
amnistía urbanística coa que se legalizaría a situación de decenas de miles de
vivendas ilegais (en xaneiro pasado, o goberno autonómico andaluz creou a
figura do “recoñecemento xurídico” para dar un certo estatus legal a unhas
trescentas mil vivendas en situación irregular, ou sexa, que non é unha
tentación exclusiva da dereita).
Paralelamente, empezan a rexurdir proxectos urbanísticos
na costa, como o aprobado a finais de maio polo concello gaditano de Tarifa
(cos votos favorábeis do PP gobernante e do PSOE opositor) para construír 350
vivendas e 1.423 prazas hoteleiras no entorno da praia de Valdevaqueros, unha
praia practicamente salvaxe no parque natural do Estreito, ocupada case
exclusivamente polos practicantes de windsurf. Fracasado hai tres anos un
proxecto similar, noutra praia do mesmo concello, pola creba da promotora,
volve insistirse no modelo para saír da mesma crise que fixo abortar o anterior
intento.
E non é que o sector da construción teña que desaparecer
despois do estoupido da burbulla inmobiliaria, pero parecería lóxica unha
reorientación dos seus obxectivos. Volver ao modelo de ocupación urbanística dun
litoral xa máis que saturado parece unha aposta temeraria pola repetición da
especulación e da burbulla. Como resulta un sarcasmo contra a xente que cumpre
coa lei a posibilidade de que se decreten amnistías (fiscais ou urbanísticas)
para bendicir irregularidades e fraudes, mentres se executan máis de cen
desafiuzamentos ao día a persoas castigadas polos despedimentos. Un sarcasmo,
sobre todo, porque a decisión partiría de políticos aos que se lles enche a
boca falando de seguridade xurídica (cando afecta aos seus intereses, claro).
Con estes indicios de reincidencia especulativa, non
resulta estraño que os bancos se resistan a contabilizar como perdas as
vivendas e os solos que teñen acumulados nos seus “activos tóxicos” (como trata
de facer Rodrigo Rato para defender a súa xestión en Bankia), ou que non lle
busquen saída con baixadas radicais dos prezos (como en Estados Unidos e en
Irlanda, onde baixaron sobre un cincuenta por cento, desde o 2007, mentres en
España non se pasou do 25 por cento nese mesmo período, e cun millón de
vivendas baldeiras), á espera de que volvan subir.
Xa sabemos que a tensión entre oferta e demanda, que está
na base do único sistema económico existente, é un mecanismo perfectamente
manipulábel polos que dominan determinados resortes do poder financeiro.
(Contraposición. 4-6-12)
No hay comentarios:
Publicar un comentario