lunes, 10 de septiembre de 2012
jueves, 6 de septiembre de 2012
Brinde persoal pola esperanza
![]() |
| Na cervecería de Catro Camiños, na Coruña, en xuño do 2003. De esquerda a dereita, Luis Burgos, XOSÉ LUIS MURUZÁBAL, Fernando Solla, Xosé A. Gaciño e María Luisa Díaz ENQUANTO HÁ FORÇA Brinde persoal pola esperanza Xosé A. Gaciño (Galicia Hoxe, 6 de septiembre de 2012)
Tomo prestado un verso dun poema de Manuel Rivas para
recordar que “coñecín algúns homes que levaron a bandeira vermella cando era
pecado”. Recordo especialmente aos que non alardearon de tela levado para
reclamar postos a perpetuidade polos servizos prestados. Aos que non
necesitaban certificar antecedentes nin presentar currículos para ser
percibidos como compañeiros bos e xenerosos na laboriosa traxectoria de loitas
desiguais, entre utopías e decepcións, que configuraron o movemento obreiro.
Que seguen a configuralo, se é que aínda podemos falar desas cousas nestes
tempos nos que parece que pretenden recortarnos ate a memoria. Ou quizais é
precisamente a memoria o que pretenden recortarnos con carácter prioritario. No último ano do franquismo, en agosto de 1975, dous
“enlaces sindicais” (como se lles chamaba entón) decidiron subirse á cheminea
da central térmica de As Pontes de García Rodríguez, en construción, como
último recurso de impacto para chamar a atención sobre a situación dos catro
mil obreiros que traballaban naquela impresionante obra, nunhas condicións que
provocaron, entre outras cousas, doce accidentes mortais en ano e medio. As
catorce empresas que participaban na construción, amparadas pola legalidade
antiobreira da ditadura, desprezaban as reivindicacións dunha plataforma
sindical conxunta, a folga dos traballadores (naturalmente ilegal) e ate a
mediación do delegado provincial de Sindicatos de A Coruña, un aperturista,
destituído máis tarde por este e outros intentos de introducir métodos de
negociación real nos conflitos laborais. Aqueles dous enlaces sindicais, José Luis Muruzábal e
Miguel Ángel Domínguez Bolaños, que levaron as reivindicacións obreiras a
trescentos metros de altura durante 36 horas, remataron no cárcere por non
pagar as cen mil pesetas de multa que lles impuxeron pola súa protesta de
altura. Non só era pecado entón levar a bandeira vermella, senón que nos
últimos meses de vida do ditador se conxelou calquera tímido xesto aperturista
apenas esbozado inicialmente por un goberno que rematou ratificando as últimas
penas de morte. Muruzábal proseguiu unha intensa actividade sindical ate
os primeiros anos da recuperación da democracia, na Confederación de Sindicatos
Unitarios de Traballadores (CSUT), que se disolveu no 1981, para integrarse, en
Galicia, no sindicalismo nacionalista que deu orixe á actual Confederación
Intersindical Galega. Pero José Luis Muruzábal, nada apegado á dinámica de
aparatos, pasou de militante ou dirixente sindical a avogado laboralista. Sen
dúbida, a súa experiencia de traballo reivindicativo de base achegoulle máis
sabedoría xurídica que os seus estudios de Dereito. Pero a súa inquedanza non
se esgotaba na especialización laboral e, nos últimos anos, está a desenvolver
un labor paralelo –inxente e entusiasta, como todos os que desempeña sempre–,
na atención e integración dos enfermos mentais. Os seus amigos máis próximos decidiron que xa é hora de
recoñecerlle os seus méritos a través dunha cea homenaxe este venres 7 de
setembro en A Coruña. Un amigo xeograficamente distante como eu, que non vai
poder asistir a esa merecida homenaxe, brindará desde a distancia pola
esperanza sempre viva no corazón deste home de permanente sorriso, que nunca se
da por vencido, por adversas que sexan as circunstancias. Pola memoria que
algúns nos queren recortar. |
