martes, 15 de agosto de 2017

Vinte anos sen Luis Pita

Cúmprense vinte anos da morte de Luis Pita, compañeiro e amigo. Desapareceu o 17 de agosto do 1997, vítima dun cancro que lle destrozou a voz, primeiro, e que lle arrebatou a vida finalmente. Para evocar a súa figura, recollo dous traballos escritos uns meses antes da súa morte, pero cando a enfermidade estaba xa acosándolle. O meu texto recolle as palabras que pronunciei na cena de homenaxe que lle ofreceron os compañeiros de Radio Nacional en A Coruña o 7 de febreiro do 97, con motivo da súa xubilación por enfermidade, e que o semanario A Nosa Terra publicou despois da súa morte. O outro texto, de novembro do 2016, é de Manuel Rivas, copartícipe no compañeirismo e na amizade, como pode deducirse facilmente do seu entranábel escrito.




martes, 25 de julio de 2017

O día da patria hai corenta anos

De esquerda a dereita, Celso Emilio Ferreiro, Carmen Santos Castroviejo, Xosé
Fortes e Xosé A. Gaciño (Foto Xurxo Lobato)
Tal día como hoxe, hai corenta anos, estaba eu na Carballeira de Santa Susana, en Compostela, nunha concentración unitaria de diversas organizacións nacionalistas e de esquerdas, coa que se pretendía concienciar sobre a necesidade da unidade das forzas progresistas para conseguir que Galicia acadara as máximas cotas de autogoberno na nova configuración territorial de España, que estaba abrindo un período constituínte. Xunto co poeta Celso Emilio Ferreiro e o militar Xosé Fortes (capitán represaliado da UMD) fun dos oradores daquel acto, sobre o que se recolle información máis detallada na reproducción da información de El Ideal Gallego (xornal no que eu traballaba como redactor). 



Naquela xornada, o Bloque Nacional-Popular Galego (como se chamaba entón) levou a cabo tamén unha manifestación, que lle prohibira o Goberno Civil da Coruña, e que finalmente permitiu, aínda que recortando o seu percorrido. Sobre o conxunto da xornada vai aquí a crónica que publicou o semanario Triunfo.



jueves, 10 de noviembre de 2016

Unha débeda con Camilo Nogueira

Débolle a Camilo Nogueira unha caixa (polo menos) de xemas de San Leandro, que non puido comprar cando nos vimos en Sevilla hai como vinte e cinco anos (estaban a construír a Expo do 92 e tampouco nos deixaron entrar a ver as obras, nin co meu carné de xornalista nin co seu de parlamentario galego), porque eu daquela aínda era un novato na cidade de María Santísima e, quizais porque non son nada larpeiro, non me tiña preocupado de saber cómo chegar ao convento no que elaboran os doces máis celebrados da gastronomía relixiosa sevillana, e que a Camilo lle tiñan recomendado. Fun un anfitrión desastroso, que atendía moi precariamente a un home que admiraba (e admiro).
Por suposto, esa caixa de xemas non podería pasar dunha moi modesta compensación simbólica polo que realmente lle debo (lle debemos) a Camilo e polo que se lle vai render homenaxe. Político íntegro, serio, intelixente e rigoroso. Desde a soidade de ser o único deputado de Esquerda Galega no primeiro Parlamento de Galicia, desenvolveu un traballo parlamentario de tal entidade que mesmo superaba o de grupos parlamentarios ben nutridos de deputados automáticos. E cando chegou ao Parlamento Europeo (cando eu puiden votalo directamente), na lista do BNG, foi como se entrase Galicia mesma: por primeira vez falouse alí en galego e alí levou os problemas da nosa terra e á propia xente que os padecía.

As limitadas posibilidades electorais do nacionalismo progresista –e as circunstancias nas que se administraron as efémeras ocasións que se tiveron– impediron que un político como Camilo Nogueira chegase a postos de goberno, desde os que desenvolver a súa enerxía creativa e executiva na construción dun futuro máis axeitado aos intereses e ás potencialidades de Galicia. Quizais os que poderían telo en conta foron tan torpes como eu de cicerone en Sevilla. Pero, desde o seu optimismo histórico, estou seguro de que dará por compensado o seu ostracismo coa seguridade de que, a pesar do estancamento que impoñen as forzas inmobilistas, algún día o espírito de Uxío Novoneyra irá do Caurel a Compostela por terra liberada, demostrando que a forza do amor e da intelixencia de Camilo Nogueira non pode ser inútil.  

PD. Os que tivesen lido este texto antes do 14 de novembro ás 20 horas, se volven lelo, botarán de menos unha referencia á condición de eurodeputado de Camilo Nogueira no ano en que nos vimos en Sevilla (que debeu de ser no 1991 ou no 1992). Repasando datas e referencias, advertín que naquel tempo Camilo aínda non era eurodeputado e que posibelmente mesturei encontros diversos en diversas datas. Correxín os erros, pero considerei xusto advertilo para non confundir aos lectores do primeiro texto.

viernes, 15 de enero de 2016

Malos tempos para a audacia

Algúns dos pasos que se están a dar nos intentos por artellar alianzas políticas teñen case os mesmos rasgos surrealistas que este patio do Museo Dalí, en Figueres, aínda que moitísimo menos arte. (Foto tomada o 31 de marzo de 2012)
Da mesma maneira que os independentistas cataláns salvaron no último minuto a investidura dun novo presidente da Generalitat, evitando unhas eleccións anticipadas que posibelmente non lles favorecería, non hai que descartar ningunha hipótese na resolución do sudoku parlamentario que debe superar o Congreso dos Deputados para investir presidente do goberno español. Sobran liñas vermellas nos pasos iniciais e falta audacia nas propostas. De momento, os indicios parecen apuntar cara ao entendemento entre as vellas forzas, incluídas algunhas das independentistas catalás, ás que o PSOE presta axuda no Senado para constituír grupos parlamentarios, e tanto o PP como o PSOE van admitir como grupos no Congreso, aínda que non cumpran todos os requisitos que sí se lle esixen escrupulosamente aos grupos galego, catalán e valenciano que formaron candidaturas de coalición con Podemos e Esquerda Unida. A tese do "cordón sanitario" en torno ao que algúns consideran esquerda radical vai tomando corpo, mentres segue a ser unha incógnita cómo vai compaxinar Pedro Sánchez todos eses acordos -que hai que sumar ao primeiro e máis importante: a presidencia da Cámara co apoio explícito de Cidadáns e implícito do PP- coa súa repetida negativa a facilitar o goberno ao PP e o seu insistente anuncia de que, se falla o PP, intentará configurar unha coalición progresista (a menos que o que realmente anuncie sexa que o PP non vai fallar na formación dun goberno conservador). Neste contexto de aprendizaxe da cultura do pacto, inscríbese este meu artigo sobre audacias e temeridades en Galicia Hoxe: http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/malos-tempos-audacia-xose-gacino/idEdicion-2016-01-13/idNoticia-974215/

domingo, 20 de diciembre de 2015

Nacionalismo galego: ciclo do eterno retorno

Celso Emilio Ferreiro, Carmen Santos Castroviejo, Xosé Fortes
e Xosé Antonio Gaciño na celebración do Día da Patria Galega no 1977
(Foto Xurxo Lobato)


Minutos antes de que empecen a coñecerse os resultados das eleccións xerais de hoxe, inserto aquí o enlace dun traballo publicado na revista galega Luzes -dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro- sobre a evolución da política na Galicia autonómica que se vai desenvolvendo con moitas dificultades. As primeiras estimacións, coas enquisas a pé de urna, parecen apontar a un retroceso importante do bipartidismo (PP e PSOE) en Galicia, coa coalición En Marea en segundo lugar. Hai que esperar a resultados definitivos e ver, sobre todo, se esa subida da marea se traduce en grupo parlamentario galego propio.

http://revistaluzes.com/2015/12/1278/?utm_content=buffere0cdb&utm_medium=social&utm_source=twitter.com&utm_campaign=buffer

jueves, 17 de diciembre de 2015

Un esforzo pola diversidade e a pluralidade

Manifestación con gaita en Sevilla (29-5-2011)


Pode que cheguemos saturados á cita electoral do 20 de decembro, pode que cheguemos tamén un tanto confusos e tensos, pero non se pode negar que volvemos recuperar un pouco da ilusión dos anos da transición, cando pensabamos que podíamos estar en vésperas da esperanza. Hai agora unhas posibilidades que dimos por perdidas neste anos de travesía bipartidista cara á crise universal. Fagamos un esforzo para alcanzar no parlamento a diversidade e a pluralidade que se vive na sociedade real. Mentres, aquí deixo unhas reflexións sobre electoralismo publicadas en Galicia Hoxehttp://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/ocasion-estrear-pactos-xose-gacino/idEdicion-2015-12-16/idNoticia-969888/

sábado, 5 de diciembre de 2015

O problema máis importante da humanidade

Illa de San Simón (setembro do 2011)

Un alto no camiño das preocupacións electorais para recordar que o quentamento global, o cambio climático, é posibelmente o problema máis importante da humanidade. Desde as Nacións Unidas, nas que se creou un grupo científico para estudalo en profundidade, levan máis de vinte anos promovendo reunións e conferencias internacionais para tratar de pór remedio a ese problema, producido principalmente -segundo o consenso da comunidade científica internacional- pola emisión de gases de efecto invernadoiro. Estes días en Paris celébrase un novo cumio internacional sobre o cambio climático, no que se deberían tomar medidas que substitúan ás moi limitadas medidas que se puxeron en marcha co Protocolo de Kioto no 1997. As sensacións iniciais son de que se seguirá a poñer parches que alivien os síntomas, en vez de acometer unha verdadeira operación cirúrxica. Sobre isto reflexiono neste artigo publicado onte en Galicia Hoxehttp://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/enfermos-cronicos-do-clima-xose-gacino/idEdicion-2015-12-04/idNoticia-967803/