lunes, 9 de noviembre de 2015

Xogos electorais

O gardián, escultura de Ramón Conde no entorno da Torre de Hércules,
na Coruña (a foto é de agosto do 2011)
Levo atraso na incorporación a este blog dos artigos que vou publicando en Galicia Hoxe, un dos meus refuxios de reflexión pública, e á hora de facelo comprobo que estes dous, como o anterior, xiran en torno aos xogos electorais que levan desenvolvéndose ao longo deste ano, e que, nas últimas semáns, parecen ter a independencia de Cataluña como cortina de fume dos problemas máis acuciantes que deberían ocupar o primeiro plano dos debates políticos (corrupción e recortes, principalmente). Certos patriotas utilizan a bandeira para tapar as súas vergonzas.
Aquí deixo os dous enlaces con Galicia Hoxe que tiña atrasados (por orde cronolóxica, do máis antigo ao máis recente):


miércoles, 7 de octubre de 2015

Abrumadora maioría contra o inmobilismo

Besalú (marzo do 2012)
Cadaquén agrupou os votos rexistrados nas eleccións autonómicas catalás do pasado 27 de setembro como pensaba que podían favorecer máis aos seus obxectivos, ás veces sen caer na conta de que os números son rotundos e que, por moito que se lles queira manipular, suman o que suman. Postos a facer combinacións, unha moi clara foi a de sumar, por unha parte, os votos dos que queren que cambien cousas (en maior ou menor medida) e os que non queren que cambie nada. O resultado foi rotundo: os inmobilistas absoluto, representados polo PP, só obtiveron o 8,4 por cento de votos e unha porcentaxe similar en escanos. Máis do 90 por cento dos votantes cataláns escolleron opcións que queren cambios, algúns tan radicais como a independencia e outros diversos graos de reforma do marco constitucional para reaxustar a situación de Cataluña en España. Diso fala este artigo publicado en Galicia Hoxe: http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/maioria-inmobilismo-xose-gacino/idEdicion-2015-10-01/idNoticia-955737/

viernes, 25 de septiembre de 2015

Tempo de identidades

Bandeiras catalás en Perpinyá (abril de 2012)
Pasamos por un deses momentos de treboadas identitarias, no medio da crise económica máis grave desde o 29 e dunha crise política e institucional, a medias produto da desfeita financeira e dunha degradación de políticos que, amparándose nunha Constitución na que non cren, manipularon recursos e institucións. Non é raro que haxa quen prefira abandonar o barco, fartos de xogar a unha autonomía que algúns consideran case federal e outros tratan de restrinxir, nunha recentralización que cada vez disimulan menos. Pero algúns non queremos que se resten forzas a unha loita que debería rexenerar a política, as institucións e mesmo a Constitución. Todos en pé de igualdade, abrindo un novo horizonte compartido. Pero, por suposto, ninguén á forza (nin para un lado nin para outro).
Aquí queda o enlace cunha das miñas reflexións "identitarias" en Galicia Hoxe.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/chuvia-identidades-xose-gacino/idEdicion-2015-09-24/idNoticia-954475/

martes, 7 de mayo de 2013

Confesión xeral

Entrevista que me fixeron no Xornal Certo, da comarca do Barbanza (na que naceron os meus país), a raíz dun correo que lles remitín matizando unha información que publicaran sobre a miña detención, no ano 1977. A entrevista é do ano 2008 e andaba polas nubes informáticas máis ou menos localizada. Atopeina hoxe repasando correos e pensei que este sería un bo sitio para conservala (sempre que a nube non se disipe, como ocorreu con outras: Xornal de Galicia, A Nosa Terra...). Foi un traballo duro, toda unha confesión xeral da miña vida profesional, pero agradezo aos compañeiros de Xornal Certo que me movesen a facelo.

http://eniac-informatica.com/xornalcerto/index.php?page=xose-gacino-barral

miércoles, 21 de noviembre de 2012

Alonso Montero, fillo predilecto da resistencia


Gardo a imaxe de Xesús Alonso Montero dunha noite de xullo de 1975. Nun mesón de Madrid, rematado o xuízo dos 23 de Ferrol (o dos mortos na Ponte das Pías en marzo do 72, xuízo contra ás vítimas, cos culpábeis como acusadores), intentabamos darnos ánimo nunha sorte de cea de solidariedade, co pensamento posto nos que non podían compartir mesa porque agardaban a sentenza no cárcere (Pillado, Aneiros, Amor Deus, Bonhome...) . Na euforia da emoción e coa complicidade implícita do mesoneiro, entoábamos alalás de resistencia, versos malditos do clandestino Arístides Silveira, sentado entre nós como o auténtico Celso Emilio Ferreiro. A voz máis cantante, por suposto, era a brillante e vibrante voz de Xesús Alonso Montero. Era o último verán con Franco vivo, pero naqueles momentos non o sabíamos e actuabamos como roubando uns instantes de liberdade improvisada, conscientes de que, cando rematáramos de cear e de cantar, e nos disolvéramos discretamente, volveríamos camiñar na longa noite de pedra.

Hai cinco anos, trinta e dous despois da morte do ditador, cando o xornalista Daniel Salgado  lle preguntaba se rematara a Transición, Alonso Montero contestaba coa retranca galega máis revolucionaria: “Empezou?”.  A pregunta, a dúbida, pode ter aínda máis sentido nestes días, nos que vemos cómo algúns “reconquistadores” do sistema, aproveitando a crise á que eles mesmos contribuíron, empezan a liquidar o que sempre consideraron concesións excesivas e innecesarias. Preguntas e dúbidas –como as que expresou hai case corenta anos sobre as posibilidades de supervivencia do idioma galego, tan sectariamente criticadas– que non desaniman a este esforzado resistente. Todo o contrario. Nunca deixou de loitar, na busca da liberdade e da xustiza, na defensa da lingua e da dignidade do seu pobo, por moitas dúbidas e obstáculos que dificultasen esa loita. Como dixo tamén na xa citada entrevista, cada vez cre máis no comunismo, porque está convencido de que o capitalismo vai destruír o mundo (outra cousa, penso eu, é que se poida chegar a tempo de impedilo, pero que non sexa porque non se intentara).

E agora que vai ser elevado á condición de fillo adoptivo do pobo da súa infancia –Ventosela, municipio de Ribadavia– non podo por menos que sumarme á merecida homenaxe a este home dunha peza, íntegro e consecuente na defensa de principios que buscan universalizar a dignidade da condición humana en paz, xustiza e liberdade. Desde o recordo daqueles anos nos que puiden apreciar a súa firmeza de espírito, saúdo a Xesús Alonso Montero, todo un mozo entusiasta aos seus oitenta e tres anos, como fillo predilecto da resistencia.